Saltar ao contido principal

Novo achado! O mural de Suso de Marcos no Concello

 Grazas a este traballo puidemos preguntar e atopar información sobre o mural feito polo escultor e artista Suso de Marcos, orixinario de Boimorto. 

1. QUEN É SUSO DE MARCOS?

Jesús López García (Suso de Marcos)[1] é un escultor nacido en 1950 en Boimorto.

Xa dende pequeno chama a súa atención a talla, xa que o seu pai realizaba apeiros con madeira. Trasládase posteriormente á Coruña onde compaxina o seu traballo en talleres de artesanía coa formación na Escola de Artes e Oficios. Completa a súa formación na Escola central de Madrid, onde se traslada no ano 1973, traballando con destacados escultores e coñecendo novidosas tendencias vangardistas.

No ano 1975 realiza a súa primeira exposición e ao ano seguinte recibe a terceira medalla en escultura do Certame Nacional de Belas Artes.

En 1979 trasládase a Málaga para ocupar a praza de Axudante de Talla na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, e en 1992 acada a praza de profesor numerario da materia de Talla en Madeira.

"As súas inquedanzas culturais (exposicións e obras súas lle vinculan á Literatura, á Historia, á Pintura. ..), a súa progresión no emprego de materiais (primeiro, madeira; logo ferro e madeira; máis tarde, cristal, auga, ferro, poliéster, metacrilato, luz artificial...), as súas frecuentes exposicións e os nomeamentos de carácter académico (ingreso en 1986 na  Real Academia de Belas Artes de San Telmo e en 1991 na Real Academia Galega de Belas Artes de A Coruña ), amosan o seu afán de  progreso e perfeccionamento artístico, así como a súa incuestionable valía como escultor"[2].


2. O MURAL DO CONCELLO

Un dato anecdótico que quixeramos ter presente sobre o artista e que enxalza o seu compromiso coa súa terra e co colexio aconteceu cando se lle encargou o mural que preside as escaleiras que dan acceso á primeira planta do edificio do Concello. Foi feito por encargo do equipo de goberno daquela, e recolle elementos do rural galego. O custo da obra foi doado polo autor ao colexio público de Boimorto, en concreto ao curso de 8º de EXB, para que realizasen a excursión de fin de curso a Málaga, onde o escultor agasallou ao grupo con diversos actos culturais, entre eles a asistencia a un concerto da Orquestra de Málaga[3].



Mural e firma do autor, datada en 1990.



[1] Web Suso de Marcos [https://susodemarcos.com/].

[2] Biografía Suso de Marcos na web do CPI Armando Cotarelo Valledor [https://www.edu.xunta.gal/centros/cpiarmandocotarelo/?q=taxonomy/term/66&destination=taxonomy%2Fterm%2F66].

[3] Información facilitada por Concha Couso.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

PECHAMOS UN TRABALLO PERO ABRIMOS NOVOS CAMIÑOS

  Finalmente, despois de dous cursos de investigación e de pescudar nas raíces culturais e musicais da nosa contorna, pechamos o traballo que leva por título: BOIMORTO E A ASOCIACIÓN FOLKLÓRICA SANTIAGUIÑOS.  40 anos de música tradicional Moitas grazas a todos os que participáchedes e vos involucráchedes nesta experiencia de achega á tradición. Por suposto, tamén enxalzar á propia Agrupación Folklórica Santiaguiños e a todos aqueles e aquelas que pasáchedes por ela, facendo escola, divulgando a nosa cultura e traballando en prol de manter viva a nosa música. Namentres tanto... seguimos aprendendo e investigando! 

OS HOMIÑOS DE BOIMORTO

Un pouco de historia local... O 20 de agosto de 1936, un mes despois do estalido da Guerra Civil, foron asasinados once veciños de Boimorto,  nove  dos cales eran concelleiros da corporación municipal, son os coñecidos como “os homiños de Boimorto”. Non foron vítimas da guerra, foron  vítimas do odio, n on loitaban no campo de batalla, loitaban por mellorar a vida dos seus veciños, impulsando escolas  públicas ou a asistencia sanitaria. Eran republicanos e, en Boimorto, como en tantos outros lugares, os falanxistas aproveitaron para saldar contas que, ás veces, nada tiñan que ver coa política. Foron levados desde a Gándara a Sobrado, onde permaneceron dous días, e de alí trasladados en camións a Santiago. Cinco foron fusilados no Amenal (O Pino) e enterrados nunha carballeira, e os outros seis apareceron á beira da estrada, na curva dos Batáns, en Ortoño (Ames), onde foron recollidos polos veciños e soterrados nunha fosa común, no adro da igrexa. Os traballos de exhu...

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS COS SANTIAGUIÑOS

Este ano o DÍA DAS LETRAS GALEGAS adicóuselle ás PANDEIRETEIRAS e á POESÍA TRADICIONAL ORAL . Como non podía ser doutro xeito, xa que ademáis 4º da ESO participa no Proxecta+ ANTONIO FRAGUAS , contamos con CARMIÑA BARREIRO e os Santiaguiños que estudan no centro.  Ademáis, un grupo de pandeireteiras de 3º e 4º da ESO, ao igual que a clase completa de 4º da ESO, interpretaron unhas pezas totalmente fantásticas.  CARMIÑA BARREIRO Carmiña é natural de Boimorto e lembra, dende pequena, ser unha namorada do baile moderno con referentes como Fred Astaire ou Ginger Rogers. Comenta que na súa casa xa había tradición musical: a súa nai tocaba a pandeireta e o seu avó era un gran cantareiro. Con 14 anos trasládase á Coruña e incorpórase a unha asociación de baile tradicional, onde entra en contacto con Felicitas Sanleón e Xacarandaina [1] , nun momento no que a agrupación estaba a dinamizar a música e o baile tradicional galegos, e chegando a gañar en varias ocasións o programa de T...