Saltar ao contido principal

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS COS SANTIAGUIÑOS

Este ano o DÍA DAS LETRAS GALEGAS adicóuselle ás PANDEIRETEIRAS e á POESÍA TRADICIONAL ORAL. Como non podía ser doutro xeito, xa que ademáis 4º da ESO participa no Proxecta+ ANTONIO FRAGUAS, contamos con CARMIÑA BARREIRO e os Santiaguiños que estudan no centro. 

Ademáis, un grupo de pandeireteiras de 3º e 4º da ESO, ao igual que a clase completa de 4º da ESO, interpretaron unhas pezas totalmente fantásticas. 



CARMIÑA BARREIRO

Carmiña é natural de Boimorto e lembra, dende pequena, ser unha namorada do baile moderno con referentes como Fred Astaire ou Ginger Rogers. Comenta que na súa casa xa había tradición musical: a súa nai tocaba a pandeireta e o seu avó era un gran cantareiro. Con 14 anos trasládase á Coruña e incorpórase a unha asociación de baile tradicional, onde entra en contacto con Felicitas Sanleón e Xacarandaina[1], nun momento no que a agrupación estaba a dinamizar a música e o baile tradicional galegos, e chegando a gañar en varias ocasións o programa de TVE Gente Joven, na categoría de música tradicional.

Ingresou na Asociación Cultural Xacarandaina da Coruña aos 16 anos e foi, como xa adiantamos, integrante daquel primeiro grupo de pandeireteiras que Quique Peón artellara aló polo ano 1982. Non se dedicou en exclusiva á música tradicional, xa que tivo que compaxinar a pertenza a Xacarandaina coa súa profesión de modista no sector téxtil.

Con Xacarandaina tamén se implicou na faceta de estudo e recuperación da cultura tradicional, especialmente nas recollidas realizadas na zona de Boimorto. Conta como eran esas xuntanzas nas que confluían músicos de renome como María Regueira, Ramiro Regueiro, Manuel Souto ou Henrique Peón cos veciños e comezaban a bailar e a cantar. Nun primeiro momento transcribían e anotaban toda a información en cadernos, antes de ter acceso ás gravadoras e cámaras.

Carmiña Barreiro comeza a colaborar cos Santiaguiños naquel momento de crise para evitar a súa desaparición. Ela será quen poña en contacto a músicos de Xacarandaina coa agrupación de Boimorto, un vínculo que aínda mantén hoxe en día por afección: forma parte do grupo de pandeireteiras Argallo, no que leva 14 anos, e tamén no de baile, Trapalleiros.



[1] Xacarandaina é unha Asociación Cultural creada no ano 1978 na cidade da Coruña. Baixo o obxectivo de “educar para o mellor desfrute do lecer” encárgase de investigar na recuperación do folclore galego. A busca da pureza e da recreación da realidade de xeito fidedigno son os piares fundamentais sobre os que sustentan a transmisión da tradición musical galega [https://www.xacarandaina.com].


AS PANDEIRETEIRAS


Segundo o libro de Beatriz Busto Miramontes, Pandereteiras de Mens[1], publicado xa a finais de 2021, a autora, especialista na análise do folclorismo no franquismo e, en concreto, do galaiquismo no NO-DO, mergúllase desta vez no coñecemento das cinco pandeireteiras de Mens e no momento no que o folclore galego pasa de ser un produto elaborado, artificial e postizo a tratar de buscar a esencia da expresión cultural espontánea e real no rural.

Resulta que aló polo ano 1971 chegou a Mens unha Cátedra Ambulante da Sección Feminina da Coruña. O seu obxectivo era o de achegar á xente do campo unha formación coa pretensión de desenvolver o rural e, de paso, facer propaganda franquista. Segundo a autora, un "proxecto ideolóxico fascista que instrumentalizou o folclore dun xeito innegable para reprimir, disciplinar, adoutrinar e violentar, especialmente a mulleres (...)". A estes puntos chegaban varios camións que establecían unha especie de campamento nunha zona. Pois segundo a autora, as cinco pandeireteiras de Mens chamaron a atención e foron levadas pola Sección Feminina aos palcos. De xeito que a primeira actuación realizárona no Teatro Colón da Coruña no mes de maio de 1972 no marco do XIX Concurso Nacional de Coros y Danzas.

Manuel Cajaraville, antigo bailarín de Cántigas da Terra e dende 1966 bailarín solista e coreógrafo da Agrupación Folklórica Aturuxo[2] da Coruña, integra ás cinco pandeireteiras na agrupación, dende 1973 até 1991, percorrendo palcos de festas, escenarios de televisión e viaxando ao estranxeiro en numerosas ocasións.

Este acontecemento marca un fito no decorrer das agrupacións folclóricas galegas que, a partir dos anos 80, comezan a integrar pandeireteiras nos seus grupos, como acontece con Xacarandaina (A Coruña) ou Cántigas e Agarimos (Santiago de Compostela), anteriormente configuradas por un grupo de baile e varios instrumentistas, que adoitaban ser homes. E, por iso, tamén comeza un movemento a prol da recuperación do folclore.

E aquí, ao fin, enlazamos cos Santiaguiños. A primeira agrupación de mulleres pandeireteiras de Xacarandaina estará configurada por varias mulleres directamente vinculadas cos Santiaguiños.

Imaxe da A. C. Xacarandaina. Xornadas do Folclore Galego

(Santiago de Compostela, 1983).

O día 5 de setembro a A.C. Xacarandaina publicaba no seu Facebook esta imaxe co seguinte texto:

"Sabías que estas mulleres foron o primeiro grupo de pandeireteiras creado en Galicia a partir da nosa tradición?

En novembro de 1982, Henrique Peón creou este grupo en Xacarandaina con tan só 18 anos. Elas son: Marica Diz, Mercedes Peón, Maricarmen Barreiro, Begoña Campos, Laura Neira, Montse Diz e Belén Mato.

Como sabedes, no ano 2025, adícase o Día das Letras Galegas ás cantareiras do país e á poesía popular oral. Un recoñecemento que supón un paso moi importante para seguir poñendo en valor O NOSO.

A propia palabra tradición implica a transmisión de xeración en xeración. Un labor que continuamos, e da que nos sentimos moi orgullosos, as moitas Asociacións Culturais e Folclóricas que, coma nós, seguiron os pasos dxs que nos precederon para acadar un obxectivo común: conservar, dignificar e manter viva a tradición do noso pobo, evitando que o mesmo curso da vida poida romper a cadea da súa transmisión".

Moitas delas dedicáronse a realizar recollas etnográficas e buscar repertorio e bailes típicos nas zonas máis esquecidas. Coma elas, tamén persoeiros tan relevantes coma a musicóloga suíza recentemente homenaxeada, Dorothé Schubarth, autora do vasto Cancioneiro Popular Galego[3], xunto a Antón Santamarina.

Por suposto, non esquezamos o traballo de organización e dirección de agrupacións de música tradicionais, que comezaron a espallarse por todo o territorio galego dende aqueles anos 80 e dos que os Santiaguiños de Boimorto constitúen un digno exemplo de recuperación e vitalidade.

As de Mens non foron as únicas pandeireteiras, tamén se documenta a existencia das Pandeireteiras de Buxán, na zona de Padrón, que actuaban contratadas.

En fin, moito queda por coñecer e estudar das nosas raíces e tradicións, pero tamén hai un longo camiño por diante para recoñecer o labor de tanta xente esquecida que mantivo a nosa cultura viva.



 

[1] Busto Miramontes, B. (2021). Pandereteiras de Mens. Santiago de Compostela, ACentral Folque.

[2] Esta agrupación foi fundada en 1955 por Adolfo Anta Seoane, como unha continuación do coro Brétemas e Raiolas (disolto en 1954); e dirixida por Manuel Cajaraville Pensado dende 1966 até a súa xubilación en 1986 (Busto Miramontes, 2021; p. 59).

[3] Schubart, D. e Santamarina, A. (1984). Cancioneiro Popular Galego. A Coruña, Fundación Barrié.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

PECHAMOS UN TRABALLO PERO ABRIMOS NOVOS CAMIÑOS

  Finalmente, despois de dous cursos de investigación e de pescudar nas raíces culturais e musicais da nosa contorna, pechamos o traballo que leva por título: BOIMORTO E A ASOCIACIÓN FOLKLÓRICA SANTIAGUIÑOS.  40 anos de música tradicional Moitas grazas a todos os que participáchedes e vos involucráchedes nesta experiencia de achega á tradición. Por suposto, tamén enxalzar á propia Agrupación Folklórica Santiaguiños e a todos aqueles e aquelas que pasáchedes por ela, facendo escola, divulgando a nosa cultura e traballando en prol de manter viva a nosa música. Namentres tanto... seguimos aprendendo e investigando! 

OS HOMIÑOS DE BOIMORTO

Un pouco de historia local... O 20 de agosto de 1936, un mes despois do estalido da Guerra Civil, foron asasinados once veciños de Boimorto,  nove  dos cales eran concelleiros da corporación municipal, son os coñecidos como “os homiños de Boimorto”. Non foron vítimas da guerra, foron  vítimas do odio, n on loitaban no campo de batalla, loitaban por mellorar a vida dos seus veciños, impulsando escolas  públicas ou a asistencia sanitaria. Eran republicanos e, en Boimorto, como en tantos outros lugares, os falanxistas aproveitaron para saldar contas que, ás veces, nada tiñan que ver coa política. Foron levados desde a Gándara a Sobrado, onde permaneceron dous días, e de alí trasladados en camións a Santiago. Cinco foron fusilados no Amenal (O Pino) e enterrados nunha carballeira, e os outros seis apareceron á beira da estrada, na curva dos Batáns, en Ortoño (Ames), onde foron recollidos polos veciños e soterrados nunha fosa común, no adro da igrexa. Os traballos de exhu...