Saltar ao contido principal

O CONTEXTO DE BOIMORTO

 

O Concello está localizado no sureste da provincia da Coruña, e adscríbese á Comarca de Arzúa[2], concello co que linda polo sur xunto con Melide; polo Oeste cos concellos de Frades e Mesía e ao Norte atópanse Vilasantar e Sobrado dos Monxes. Encóntrase sobre as concas do Tambre e do Ulla.



Boimorto créase como concello no ano 1.835 integrado polas parroquias de: Andabao (San Martín), Os Anxeles (Santa Maria), Arceo (San Vicente), Boimil (San Miguel), Boimorto (Santiago), Brates (San Pedro), Buazo (Santa Maria), Cardeiro (San Pedro), Corneda (San Pedro), Dormeá (San Cristobal), Mercurin (San Juan), Rodieiros (San Simón) y Sendelle (Santa Maria).

Ningunha destas parroquias foi capital do concello, polo que non existía un escudo que o representase. No ano 1.935, ante a necesidade dun escudo propio, encárgaselle a Manuel Rico Verea investigar sobre a historia do concello e deseñar un escudo.

A día de hoxe, non se pode falar dun núcleo no concello que funcione coma motor de crecemento, senón que nos podemos referir á capital do Concello como Centro de Servizos, xa que no núcleo de Boimorto atópanse case todos os establecementos comerciais e a maioría das infraestruturas municipais.

As terras de Boimorto son terras de relevo ondulado, configuradas por unha serie de vales frondosos. O pico máis alto atopámolo nos Montes do Bocelo, o coto das Amieiras, que acada os 733 metros de altura. O resto do territorio ten un relevo bastante suave, o que favorece un terreo apropiado para a práctica da agricultura e da gandería, base da economía local.

Boimorto posúe grandes extensións dedicadas a monte con plantacións de carballos, eucaliptos, castiñeiros e piñeiros e tamén hai grandes praderías cunha excelente calidade de herba coa que se alimenta o gando vacún.





Boimorto conta con numerosas correntes de auga, as principais son o Río Tambre, co que conflúe o Tamarela, que marca os contornos do concello; e o río Iso, que nace na ladeira occidental dos Montes do Bocelo, que conforman o eixo regulador de todo o relevo de Boimorto.

A economía do concello está nun período de cambio entre unha etapa agraria, cara outra onde o peso económico recae sobre o sector servizos.

Isto débese a que o sector primario deixou de ser a principal fonte de ocupación debido ás transformacións sufridas nos últimos anos. O sector primario está fundamentalmente representado pola gandería, principalmente bovina de orientación láctea. No referente ao gando porcino e avícola, este non é tan importante como o bovino, mais nos últimos anos o sector avícola tivo un despunte co asentamento de varias iniciativas tanto de produción cárnica como de ovos.

Asemade, os recursos forestais están pouco aproveitados no sentido de que se limitan á produción de madeira e non á súa transformación. Predominan as plantacións de eucaliptos que se complementan con outras mais pequenas de carballos, castiñeiros ou piñeiros.

O sector secundario é o último en importancia polo número de ocupados, concentrándose as actividades en pequenos talleres, carpinterías e na construción.

O sector servizos vén gañando peso con respecto aos anteriores, empregando máis da metade dos traballadores. Pero o sector ten un carácter tradicional, con actividades baseadas no pequeno comercio familiar e na hostaleira. Destacar tamén a importancia do emprego de poboación local nos servizos da comarca ou incluso das cidades próximas.

POBOACIÓN

No momento da redacción deste traballo a poboación de Boimorto acada un total de 1.849 habitantes distribuídos por sexos do seguinte xeito: 930 homes e 919 mulleres.

Pero ao longo dos anos que abrangue este estudo, o seu número era maior, atopando un pico álxido no ano 1988, cando se acada a cifra de 3.300 habitantes. A partires desa data o descenso é paulatino e significativo até os nosos días, chegando a descender até case a metade en apenas 35 anos.


[1] Web do Concello de Boimorto [https://www.concellodeboimorto.es/gl].

[2] A división comarcal fíxase no Decreto 65/1997, de 20 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o mapa comarcal de Galicia.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

PECHAMOS UN TRABALLO PERO ABRIMOS NOVOS CAMIÑOS

  Finalmente, despois de dous cursos de investigación e de pescudar nas raíces culturais e musicais da nosa contorna, pechamos o traballo que leva por título: BOIMORTO E A ASOCIACIÓN FOLKLÓRICA SANTIAGUIÑOS.  40 anos de música tradicional Moitas grazas a todos os que participáchedes e vos involucráchedes nesta experiencia de achega á tradición. Por suposto, tamén enxalzar á propia Agrupación Folklórica Santiaguiños e a todos aqueles e aquelas que pasáchedes por ela, facendo escola, divulgando a nosa cultura e traballando en prol de manter viva a nosa música. Namentres tanto... seguimos aprendendo e investigando! 

OS HOMIÑOS DE BOIMORTO

Un pouco de historia local... O 20 de agosto de 1936, un mes despois do estalido da Guerra Civil, foron asasinados once veciños de Boimorto,  nove  dos cales eran concelleiros da corporación municipal, son os coñecidos como “os homiños de Boimorto”. Non foron vítimas da guerra, foron  vítimas do odio, n on loitaban no campo de batalla, loitaban por mellorar a vida dos seus veciños, impulsando escolas  públicas ou a asistencia sanitaria. Eran republicanos e, en Boimorto, como en tantos outros lugares, os falanxistas aproveitaron para saldar contas que, ás veces, nada tiñan que ver coa política. Foron levados desde a Gándara a Sobrado, onde permaneceron dous días, e de alí trasladados en camións a Santiago. Cinco foron fusilados no Amenal (O Pino) e enterrados nunha carballeira, e os outros seis apareceron á beira da estrada, na curva dos Batáns, en Ortoño (Ames), onde foron recollidos polos veciños e soterrados nunha fosa común, no adro da igrexa. Os traballos de exhu...

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS COS SANTIAGUIÑOS

Este ano o DÍA DAS LETRAS GALEGAS adicóuselle ás PANDEIRETEIRAS e á POESÍA TRADICIONAL ORAL . Como non podía ser doutro xeito, xa que ademáis 4º da ESO participa no Proxecta+ ANTONIO FRAGUAS , contamos con CARMIÑA BARREIRO e os Santiaguiños que estudan no centro.  Ademáis, un grupo de pandeireteiras de 3º e 4º da ESO, ao igual que a clase completa de 4º da ESO, interpretaron unhas pezas totalmente fantásticas.  CARMIÑA BARREIRO Carmiña é natural de Boimorto e lembra, dende pequena, ser unha namorada do baile moderno con referentes como Fred Astaire ou Ginger Rogers. Comenta que na súa casa xa había tradición musical: a súa nai tocaba a pandeireta e o seu avó era un gran cantareiro. Con 14 anos trasládase á Coruña e incorpórase a unha asociación de baile tradicional, onde entra en contacto con Felicitas Sanleón e Xacarandaina [1] , nun momento no que a agrupación estaba a dinamizar a música e o baile tradicional galegos, e chegando a gañar en varias ocasións o programa de T...