Saltar ao contido principal

INFORMACIÓN DE INTERESE CULTURAL SOBRE BOIMORTO

 INFORMACIÓN DE INTERESE CULTURAL SOBRE BOIMORTO

 O Miliario

Un miliario é unha columna de pedra que se colocaba nas calzadas romanas para indicar e sinalizar unha milla romana.

En marzo de 1981, en Asientos (Boimorto), un veciño que estaba a traballar nunha leira, atopou esta peza soterrada. O lugar concreto recibe o nome de Real, que fai referencia á presenza dunha antiga fila romana e camiño real. Grazas a unha pala mecánica puideron erguer esta gran pedra de granito de case 2,5 metros de alto e 60 centímetros de diámetro que contén a seguinte inscrición:

A peza na actualidade atópase exposta fronte ao Concello de Boimorto. 

O Festival da Luz[1]

No ano 2012 a artista Luz Casal toma a iniciativa e organiza O Festival da Luz na súa localidade natal. Trátase dun festival familiar que homenaxea o rural galego a través da creación dun lugar de encontro de artistas de renome no panorama musical actual e con fins benéficos.

Dende o primeiro ano, cando congregou uns 5.500 asistentes, o seu número de participantes foise incrementando até acadar, por exemplo, no ano 2014 mais de 60.000 asistentes. Sen dúbida, durante os tres días que dura o concerto, Boimorto sitúase como un lugar de referencia no panorama artístico e musical galego.

O Magreco[2]

Este evento que se desenvolve tódolos anos no mes de marzo dende o ano 2012 na localidade de Boimorto é unha feira que xorde inicialmente centrada na exposición de maquinaria agrícola. Ao ano seguinte é cando se fai dun xeito oficial a I edición da Feira Magreco 2013. Dende entón aglutina, ademais da maquinaria agrícola engádese tamén apeiros forestais e de xardín, poxas de xovencas, postos de alimentación, artesanía e demais produtos do campo.

O Cancioneiro de Boimorto

Este proxecto comeza no seo do colexio de Boimorto no ano 1978, en concreto é no segundo ciclo da E.X.B. dentro da materia de Lingua Galega, onde comeza a fraguarse.

"O primeiro paso a dar con aqueles nenos galego-falantes consistiu en prestixia-la súa lingua, allea ó seu curriculum escolar ata ese momento, na escola e no ambiente familiar e social. Tódo-los nenos-as se converteron en investigadores do seu entorno" (Rico Verea, 1989).

Unha gran parte destas cantigas e cancións recollidas pasaron a engrosar o Cancioneiro popular das Terras do Tamarela, publicado por Manuel Rico Verea no ano 1989 pola Editorial Galaxia (Vigo).

As temáticas ían dende as cancións de oficios, de labranza, cancións relacionadas co ámbito social, estados civís e familia, infantís ou romances... En definitiva, unha mostra da tradición da zona que nos da moita información sobre o ideario e o pensamento da zona. Ademais incorpora melodías musicais de cantigas, muiñeiras, xotas ou mesmo os famosos Cantos de Reis ou Reices, tan típicos en Boimorto.

Estas e outras melodías que quedaron fóra do cancioneiro, incorporáronse á páxina web do Concello de Boimorto co epígrafe "Cancioneiro popular de Boimorto"[3], que se pode consultar en rede e no que se incorporan, ademais dos textos, as partituras editadas como xeito de difusión, coñecemento e salvagarda, accesible para todos.

Os cantos de Reices

Xa no novo milenio apóstase por outra iniciativa local que tamén busca enxalzar e recuperar unha tradición arraigada na zona: os Cantos de Reis ou Reices.

Os Cantos de Reis ou Reices son unhas cantigas típicas das festas do Nadal.

"O día cinco de xaneiro ata o seis ó mediodía grupos de mozos ou non tan mozos saen a cantar unhas melodías vellas acompañados, xeralmente, de gaita e tamboril, pandeiretas, cunchas, pinavetas..., polas casas dos veciños dando a boa nova do nacemento do Neno Xesús, a adoración dos Magos, ou a fuxida a Exipto. As letras, case sempre en castelán, son relatos fieis ás Escrituras, aínda que hai algúns medio atrapallados e outros que son cantares dos maios que ó dexaren de celebrárense pasaron ó tempo de Nadal. Este pode ser o caso das Madamas" (Rivas Cruz, 2006).

No ano 2006 sae á luz o libro Os cantares de Reis (2006), acompañado dun disco e coordinado por Xosé Luís Rivas Cruz, mais coñecido como Mini, que incorpora partituras elaboradas por Iria Rivas de Castro. Este traballo é froito das pesquisas etnográficas levadas a cabo polo propio Mini e tamén por Mero (Baldomero Iglesias Dobarrio).



[1] Web Festival da Luz [https://festivaldelaluz.es/].

[2] Mais información na web do Concello de Boimorto [https://www.concellodeboimorto.es/gl].

[3] Web do Concello de Boimorto. "Cancioneiro popular de Boimorto" [https://concellodeboimorto.es/gl/cancioneiro/O_Cancioneiro].



Comentarios