Saltar ao contido principal

BOIMORTENSES CÉLEBRES

 BOIMORTENSES CÉLEBRES

Manuel Rico Verea[1]

Este mestre, musicólogo e escritor galego nace en Boimorto no ano 1948. Despois de estudar Filosofía no Seminario de Herbón e nos franciscanos de Santiago, ingresa na Escola Pablo Montesino de Madrid, onde obtén o título de Maxisterio. Foi docente en Madrid, no País Vasco e en Galicia, a onde retorna en 1978.

Dende aquel momento afianza o seu compromiso coa Lingua Galega e imbúese en varios estudos sobre a tradición, a investigación e a música. Entre os postos destacados que desempeñou está a inspección educativa, na subdirección xeral de Política Lingüística e foi tamén xefe do Gabinete de Normalización Lingüística da Consellería de Educación.

Atesoura unha inxente cantidade premios no seu haber e de obras escritas, coma o Cancioneiro popular das terras do Tamarela (1989), publicado por Galaxia.

Jesús López García (Suso de Marcos)[2]

En 1950 nace en Boimorto o escultor Jesús López García, mais coñecido como Suso de Marcos.

Xa dende pequeno chama a súa atención a talla, xa que o seu pai realizaba apeiros con madeira. Trasládase, posteriormente, á Coruña onde compaxina o seu traballo en talleres de artesanía coa formación na Escola de Artes e Oficios. Completa a súa formación na Escola central de Madrid, onde se traslada no ano 1973, traballando con destacados escultores e coñecendo novidosas tendencias vangardistas.

No ano 1975 realiza a súa primeira exposición e ao ano seguinte recibe a terceira medalla en escultura do Certame Nacional de Belas Artes.

En 1979 trasládase a Málaga para ocupar a praza de Axudante de Talla na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, e en 1992 acada a praza de profesor numerario da materia de Talla en Madeira.

"As súas inquedanzas culturais ( exposicións e obras súas lle vinculan á Literatura, á Historia, á Pintura. ..), a súa progresión no emprego de materiais (primeiro, madeira; logo ferro e madeira; máis tarde, cristal, auga, ferro, poliéster, metacrilato, luz artificial...), as súas frecuentes exposicións e os nomeamentos de carácter académico (ingreso en 1986 na  Real Academia de Belas Artes de San Telmo e en 1991 na Real Academia Galega de Belas Artes de A Coruña ), amosan o seu afán de  progreso e perfeccionamento artístico, así como a súa incuestionable valía como escultor"[3].

Xosé Luís Rivas (Mini)

Nace en Begonte en 1951 e pasa a súa infancia no rural en tempos de ditadura. A situación de Galicia nese momento estaba marcada polo silencio, o medo, a fame e a emigración masiva. A súa vida xira en torno á música, a docencia e a política.

O interese pola música vénlle de sempre. Xa con 15 anos monta a súa primeira banda cuns amigos e mais adiante forma parte dun coro. Foi integrante de Fuxan os ventos, grupo de gran renome na década de 1970, e cuxo repertorio estaba baseado na canción protesta e na música tradicional. A música era naquela altura un xeito de reivindicar a situación das clases oprimidas e de amosar ao público cancións do noso. Posteriormente retoma a loita da man da agrupación A Quenlla, formada a comezos dos anos 1980.

Foi mestre durante 37 anos, sempre no rural. Ao comezo da súa carreira, o galego estaba prohibido e era considerado unha lingua de pailáns. O feito de que o usase nas súas aulas era unha firme mostra de compromiso lingüístico e pedagóxica. Pon fin á súa etapa docente en 2011, tras exercer durante moitos anos no CPI Armando Cotarelo Valledor, en Boimorto. Realizou, tamén, un inmenso labor de recompilación de folclore galego.

Milita no BNG e foi elixido alcalde de Boimorto por esta formación en 2015. Foi deputado do Parlamento de Galicia dende 2016 até o fin desta lexislatura, en que decidiu poñer fin ao seu ciclo político.

Luz Casal[4]

No lugar de Andavao, en Boimorto, nace Luz Casal no ano 1958, aínda que con tan só 6 meses de vida a familia instálase en Avilés, primeiro, e Xixón despois (Asturias). Comeza pronto a estudiar música e intégrase no grupo de Rock Los Fannys.

Con 19 anos trasládase a Madrid coa intención medrar artisticamente. Percorre distintas discográficas, colabora con importantes cantantes e grava as súas primeiras maquetas. En 1982 sae o seu primeiro álbum que marca o despegue da súa carreira musical, aínda que podemos situar no ano 1989 o recoñecemento como intérprete xa a nivel internacional.

Atesoura mais de 20 discos entre os de estudio e os recopilatorios e no ano 2022 engadiu o traballo en directo "Solo esta noche" ao seu haber.


[1] Web Galicia Digital [https://galegos.galiciadigital.com].

[2] Web Suso de Marcos [https://susodemarcos.com/].

[3] Biografía Suso de Marcos na web do CPI Armando Cotarelo Valledor [https://www.edu.xunta.gal/centros/cpiarmandocotarelo/?q=taxonomy/term/66&destination=taxonomy%2Fterm%2F66].

[4] Web oficial de Luz Casal [https://luzcasal.es/].

Comentarios

Publicacións populares deste blog

PECHAMOS UN TRABALLO PERO ABRIMOS NOVOS CAMIÑOS

  Finalmente, despois de dous cursos de investigación e de pescudar nas raíces culturais e musicais da nosa contorna, pechamos o traballo que leva por título: BOIMORTO E A ASOCIACIÓN FOLKLÓRICA SANTIAGUIÑOS.  40 anos de música tradicional Moitas grazas a todos os que participáchedes e vos involucráchedes nesta experiencia de achega á tradición. Por suposto, tamén enxalzar á propia Agrupación Folklórica Santiaguiños e a todos aqueles e aquelas que pasáchedes por ela, facendo escola, divulgando a nosa cultura e traballando en prol de manter viva a nosa música. Namentres tanto... seguimos aprendendo e investigando! 

OS HOMIÑOS DE BOIMORTO

Un pouco de historia local... O 20 de agosto de 1936, un mes despois do estalido da Guerra Civil, foron asasinados once veciños de Boimorto,  nove  dos cales eran concelleiros da corporación municipal, son os coñecidos como “os homiños de Boimorto”. Non foron vítimas da guerra, foron  vítimas do odio, n on loitaban no campo de batalla, loitaban por mellorar a vida dos seus veciños, impulsando escolas  públicas ou a asistencia sanitaria. Eran republicanos e, en Boimorto, como en tantos outros lugares, os falanxistas aproveitaron para saldar contas que, ás veces, nada tiñan que ver coa política. Foron levados desde a Gándara a Sobrado, onde permaneceron dous días, e de alí trasladados en camións a Santiago. Cinco foron fusilados no Amenal (O Pino) e enterrados nunha carballeira, e os outros seis apareceron á beira da estrada, na curva dos Batáns, en Ortoño (Ames), onde foron recollidos polos veciños e soterrados nunha fosa común, no adro da igrexa. Os traballos de exhu...

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS COS SANTIAGUIÑOS

Este ano o DÍA DAS LETRAS GALEGAS adicóuselle ás PANDEIRETEIRAS e á POESÍA TRADICIONAL ORAL . Como non podía ser doutro xeito, xa que ademáis 4º da ESO participa no Proxecta+ ANTONIO FRAGUAS , contamos con CARMIÑA BARREIRO e os Santiaguiños que estudan no centro.  Ademáis, un grupo de pandeireteiras de 3º e 4º da ESO, ao igual que a clase completa de 4º da ESO, interpretaron unhas pezas totalmente fantásticas.  CARMIÑA BARREIRO Carmiña é natural de Boimorto e lembra, dende pequena, ser unha namorada do baile moderno con referentes como Fred Astaire ou Ginger Rogers. Comenta que na súa casa xa había tradición musical: a súa nai tocaba a pandeireta e o seu avó era un gran cantareiro. Con 14 anos trasládase á Coruña e incorpórase a unha asociación de baile tradicional, onde entra en contacto con Felicitas Sanleón e Xacarandaina [1] , nun momento no que a agrupación estaba a dinamizar a música e o baile tradicional galegos, e chegando a gañar en varias ocasións o programa de T...