Saltar ao contido principal

ARMANDO COTARELO VALLEDOR E BOIMORTO

 ARMANDO COTARELO VALLEDOR E BOIMORTO

Armando Cotarelo Valledor en Vida Gallega, 10/2/1920, p. 20.

Armando Cotarelo Valledor[1] natural de Vegadeo (Asturias), onde nace o 28 de decembro de 1879, e falecido en Madrid o 8 de decembro de 1950, foi un destacado escritor e docente ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1984. Era fillo do insigne musicólogo, escritor, crítico e historiador Emilio Cotarelo y Mori (1857-1936).


Estudou Filosofía e Letras en Madrid e desempeñou a cátedra de Lingua e Literatura españolas na Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén ocupou cargos destacados. Asemade, foi membro da Real Academia Galega, pese a que non tomou posesión.

En 1916 recibe a invitación da Universidade de Columbia (Nova York), para impartir clases cun contrato de dous anos[2], como evidencia da gran estima que se lle tiña no mundo académico.

En 1923 intervén na creación do Seminario de Estudos Galegos, sendo o seu primeiro presidente e, de feito, a el débeselle o nome da institución.

Nos anos nos que residiu en Compostela, entre 1904 e 1925 gozou dunha gran actividade académica, política e cultural, que compaxinaba cunha inxente cantidade de viaxes. Finalmente, trasládase a Madrid, onde permanece até a súa morte, onde ocupa a cátedra de Lingua e Literatura Galego-Portuguesa.

O motivo polo que o colexio asume o nome de Armando Cotarelo ven pola estreita relación que tivo con Boimorto, principalmente motivado polo vínculo familiar da súa dona. En outubro de 1909 casa con María Botana Sueiro na parroquia de Viladavil, en Arzúa[3], e dende aquela son frecuentes as alusións as estadías na vila, principalmente en época estival ou de lecer.


El noticiero gallego, 6/9/1919, p. 3.



[1] Web da Real Academia Galega [https://academia.gal/letras-galegas/1984/armando-cotarelo-valledor].

[2] Galicia Nueva, 22/2/1916, p. 3.

[3] Galicia Nueva, 22/10/1909, p. 1.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

PECHAMOS UN TRABALLO PERO ABRIMOS NOVOS CAMIÑOS

  Finalmente, despois de dous cursos de investigación e de pescudar nas raíces culturais e musicais da nosa contorna, pechamos o traballo que leva por título: BOIMORTO E A ASOCIACIÓN FOLKLÓRICA SANTIAGUIÑOS.  40 anos de música tradicional Moitas grazas a todos os que participáchedes e vos involucráchedes nesta experiencia de achega á tradición. Por suposto, tamén enxalzar á propia Agrupación Folklórica Santiaguiños e a todos aqueles e aquelas que pasáchedes por ela, facendo escola, divulgando a nosa cultura e traballando en prol de manter viva a nosa música. Namentres tanto... seguimos aprendendo e investigando! 

OS HOMIÑOS DE BOIMORTO

Un pouco de historia local... O 20 de agosto de 1936, un mes despois do estalido da Guerra Civil, foron asasinados once veciños de Boimorto,  nove  dos cales eran concelleiros da corporación municipal, son os coñecidos como “os homiños de Boimorto”. Non foron vítimas da guerra, foron  vítimas do odio, n on loitaban no campo de batalla, loitaban por mellorar a vida dos seus veciños, impulsando escolas  públicas ou a asistencia sanitaria. Eran republicanos e, en Boimorto, como en tantos outros lugares, os falanxistas aproveitaron para saldar contas que, ás veces, nada tiñan que ver coa política. Foron levados desde a Gándara a Sobrado, onde permaneceron dous días, e de alí trasladados en camións a Santiago. Cinco foron fusilados no Amenal (O Pino) e enterrados nunha carballeira, e os outros seis apareceron á beira da estrada, na curva dos Batáns, en Ortoño (Ames), onde foron recollidos polos veciños e soterrados nunha fosa común, no adro da igrexa. Os traballos de exhu...

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS COS SANTIAGUIÑOS

Este ano o DÍA DAS LETRAS GALEGAS adicóuselle ás PANDEIRETEIRAS e á POESÍA TRADICIONAL ORAL . Como non podía ser doutro xeito, xa que ademáis 4º da ESO participa no Proxecta+ ANTONIO FRAGUAS , contamos con CARMIÑA BARREIRO e os Santiaguiños que estudan no centro.  Ademáis, un grupo de pandeireteiras de 3º e 4º da ESO, ao igual que a clase completa de 4º da ESO, interpretaron unhas pezas totalmente fantásticas.  CARMIÑA BARREIRO Carmiña é natural de Boimorto e lembra, dende pequena, ser unha namorada do baile moderno con referentes como Fred Astaire ou Ginger Rogers. Comenta que na súa casa xa había tradición musical: a súa nai tocaba a pandeireta e o seu avó era un gran cantareiro. Con 14 anos trasládase á Coruña e incorpórase a unha asociación de baile tradicional, onde entra en contacto con Felicitas Sanleón e Xacarandaina [1] , nun momento no que a agrupación estaba a dinamizar a música e o baile tradicional galegos, e chegando a gañar en varias ocasións o programa de T...