Seguindo co traxecto marcado, desta vez tocou realizar a entrevista a Carmiña Barreiro. O día 29 de novembro de 2024 quedamos con ela na ludoteca para gravar a entrevista que preparamos cos alumnos de 4º da ESO. Carmiña lévanos axudado moitísimo sobre os Santiaguiños, aportando moita información e facilitando moitos recursos. Desta vez centramos a entrevista na transición do folclorismo da Sección Femenina ás Asociacións que deron en recoller e recuperar a nosa música tradicional. Carmiña comezou moi nova en Xacarandaina na Coruña onde formou parte do primeiro grupo de pandeireteiras que organizara Quique Peón. Contounos como eran as primeiras recollidas que realizaron e das obras que recuperaron como a Xota e a Muiñeira de Boimorto, na propia localidade. Toda a información tratarémola e incorporarémola ao traballo sobre os Santiaguiños de Boimorto.
No curso académico 2024/2025 a clase de 4º da ESO participa no Proxecta+ Proxecto Didáctico Antonio Fraguas cun traballo de recuperación histórica sobre a Agrupación Folklórica Santiaguiños de Boimorto que deu comezo xa o curso pasado dentro dun PFPP. Neste blog plasmaremos os nosos avances e achados. Seguídenos!